Esta semana, recomendámosvos que visitedes dúas exposicións:
Orixes da vangarda rusa na Fundación Caixa Galicia
A Fundación Caixa Galicia reúne estes días unha serie de obras que preludian o estalido da vangarda artística da Rusia revolucionaria e ansiosa de modernizarse do primeiro tercio do século XX. Son 46 cadros de artistas entre os que destacan nomes claves da pintura contemporánea, como Kandinsky ou Malevich, e entre os que figuran pioneiras como Goncharova ou Rozanova, artistas arriesgadas nunha Rusia e unha Europa nas que a arte era dominio exclusivo dos homes.
Portas de luz no CGAC
Os anos setenta foron anos movidos. A exposición Portas de luz, organizada polo Centro Galego de Arte Contemporánea, abre a posibilidade de revisitar unha época tinxida pola política, marcada polas posibilidades e oculta polas alegrías dos anos posteriores.
Moitos dos que atravesaron culturalmente esa etapa que está agora a corenta anos de distancia consideran que, sen a fervenza dos setenta, non se podería entender ningunha das circunstancias que se deron anos despois. Tamén hai coincidencia case unánime en que as inquedanzas políticas acabaron por construír un tópico que ocultou un tempo que foi de creatividade. No entanto, o comisario da mostra, Alberto González-Alegre, sinala que «levaban razón». Asegura que, «cando se dicía nos setenta que todo é política, tiñan toda a razón e aínda hoxe se demostra».